A Pobra lanza a campaña municipal Desmárcate! co gallo do 25-N
Unha pregunta: “Na violencia machista, que lugar ocupas ti?”. Cinco posibles respostas: “agresor, vítima, familia que agocha, amizades que calan e veciñanza que non ve.” E un claro convite a non ocupar ningún destes papeis. A Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal lanza a campaña municipal Desmárcate! co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora no 25 de novembro, e que convida a que cada un/unha de nós sexamos axentes para o cambio.
A concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, explica que esta campaña pon o foco na contorna social máis próxima das mulleres que sofren violencia machista; unha campaña coa cal “queremos que a sociedade se desmarque deses papeis e colabore coa acción na erradicación da violencia contra a muller.” Durante o acto de presentación, a edil estivo acompañada pola asesora xurídica á muller, María Pérez, e a axente da igualdade, Carolina Rodríguez.
Esta campaña estará presente nas redes sociais, establecementos hostaleiros e comerciais, no valado publicitario na zona de San Lázaro e nunha lona no balcón da casa consistorial. No cubo situado nas inmediacións dos Xardíns de Valle-Inclán haberá un panel co iceberg da violencias visibles e invisibles e outro co círculo da violencia para contribuír a crear conciencia contra este problema social. Ademais, a fonte da alameda iluminarase da cor violeta.
Tamén se desenvolverán numerosas actividades para diferentes públicos ao longo de todo o mes de novembro.
O Servizo da Igualdade darase a coñecer na comunidade educativa para visibiliza-lo seu labor e mellora-la accesibilidade da xente máis nova ao dito servizo. No día 7 levarase ao IES pobrense, mentres que no día 15 se fará o propio no CPR Divino Maestro. Tamén para estudantado destes centros se configura a función teatral de carácter pedagóxico Golpes, no teatro cine Elma, no día 23, en horario lectivo e da man da Secretaría Xeral da Igualdade.
No que respecta a propostas destinadas a escolares da infantil, atópanse as sesións de contacontos a cargo de Loida Fernández na E.E.I. Fernández Varela, no día 21; no Monte Carmelo, no día 22; e nas escolas unitarias, no día 23.
Xa para a primaria se artella unha concentración no día 24, na praza Alcalde Segundo Durán. Portando paraugas da cor morada co lema Desmárcate! e o cancelo #apobracontraaviolenciamachista, formarán o símbolo feminista.
Doutra banda, realizarase unha nova sesión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional Contra a Violencia de Xénero no día 14, na Casa da Mocidade; e no día 22 instalarase o stand Agresión Off, nos Xardíns de Valle-Inclán, para o repartimento de material divulgativo, dar información e sensibilizar a través de actividades lúdicas da man da Secretaría Xeral da Igualdade.
E, no propio día 25, terán lugar os actos centrais a partir das 12.00 horas cunha concentración, a performance A última cea, de Uxía Morán, a lectura dun manifesto e un minuto de silencio. Serán no Cantón da Leña e están abertos a toda a veciñanza.
Parte desta programación conta con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, do Ministerio da Igualdade.