Bucanero representará no Elma a segunda das funcións incluídas no ciclo teatral de novembro
As táboas do Elma prepáranse para unha nova sesión teatral no domingo 12, ás 19.00 horas. Bucanero achegará a súa Sesión continua, unha homenaxe ao celuloide que fará un percorrido por filmes como 2001: unha odisea no espazo, O resplandor, Pulp Fiction, Febre do sábado noite, Instinto básico ou Psicose, entre outros. O deseño das luces e o traballo das actrices e actores son os piares desta aposta innovadora.
Trátase da segunda función no seo do ciclo teatral do mes de novembro que organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Con relación a isto, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, refírese “á boa acollida das artes escénicas por parte do público pobrense, especialmente durante o outono e o inverno.”
O acceso é libre ata completa-la cabida da instalación municipal.