O Cantón da Leña convértese nun mercado do Nadal a ceo aberto
A iniciativa De tendas no Nadal desenvolverase nesta época festiva no Cantón da Leña e conta coa participación de oito postos do comercio local dedicados, principalmente, á artesanía, moda e alimentación, representados no acto de presentación por Estrella Lijó, de Mil colores; David Pérez, de Noites de Datura; Jessica Mello, de Arte creativa; e Alba Fernández, de AmarAMares.
A concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, indica que se lles pretende outorgar así un escaparate a negocios que non contan cun local coma os habituais e que se constrúan sinerxías cos establecementos do núcleo urbano. Ademais, o Concello pon á disposición do tecido asociativo un espazo, como sucedeu xa coa Protectora Moura e como fará na fin de semana a xunta local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), que impartirá uns talleres de labores manuais e decoración, nos días 14 e 20, respectivamente.
No que respecta ás actividades de dinamización, está programada a actuación de Os monifates, no día 9, dende as 18.00 ata as 19.00 horas, e un photocall Disney e un xogo da ruleta, no día 28.
Os postos permanecerán ata o día 5 de xaneiro co seguinte horario de apertura: de luns a xoves, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00; ós venres e ós sábados, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas; e ós domingos, de 12.00 a 15.00 e de 17.00 a 21.00 horas.