A Pobra acollerá un Open Integrado de Tenis de Mesa do Nadal
O tenis de mesa protagonizará un open integrado por ocasión do Nadal. Terá lugar no 16 de decembro, a partir das 10.30 horas, no polideportivo municipal de Venecia. O dito evento contará con tres categorías: menores de 14 anos, sénior e persoas con discapacidade.
O concelleiro dos Deportes da Pobra do Caramiñal, Eloy Sobrido, pon de manifesto o “gran dinamismo deportivo presente na localidade durante todo o ano” que se estende, así mesmo, á época do Nadal. Tamén enxalza o papel que xogan as asociacións no seu fortalecemento, como sucede, por exemplo, coa implicación da Agrupación Deportiva Costa Oeste-Dep. Adaptado (Adeco-Dea), entidade deportiva de carácter social que busca a integración das persoas con discapacidade a través da actividade lúdica e física. A este respecto, o edil fai fincapé na importancia de que as institucións públicas sigan na liña de promover valores como a integración social e a igualdade de oportunidades; nesta ocasión, mediante o deporte.
As inscricións poderanse formalizar a través do enderezo electrónico adeco.dea@gmail.com ou antes do inicio da proba na dita instalación deportiva municipal.