Papá Noel, tarde de baile e coros para os vindeiros días do Nadal na Pobra
Poucos días antes dunha das noites máis desexadas polas crianzas, Papá Noel estará na Pobra do Caramiñal para recolle-las peticións da última hora no seo da campaña Consegue Caramiñas, Comparte Nadal, segundo avanza a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo,
Será no 22 de decembro, en horario de 18.00 a 21.00 horas, no Mercado do Nadal. Aínda que inicialmente ía ter lugar no Fogar do Nadal, trasládase para os postos situados no Cantón da Leña, dado que vai ir bo tempo nesa xornada.
Xa focalizada nas persoas maiores, haberá unha sesión especial de Tardes de baile no día 23, a partir das 20.30 horas, no Centro Sociocomunitario e de Benestar. Estará amenizada polo grupo Puzzle.
E, no que respecta aos coros, Piccolo percorrerá o núcleo urbano no día 26, a partir das 18.00 horas, mentres que o das Amas de Casa fará o propio no 3 de xaneiro, das 19.00 horas en diante.