O Nadal da Pobra dinamizarase con numerosas actividades para tódolos públicos
A Pobra do Caramiñal converterase neste Nadal nun fervedoiro de actividades que pretenden dinamizar económica e socialmente o municipio. Ás iniciativas xa anunciadas (a campaña da praza de abastos, a das redes sociais, o concurso de embelecemento de balcóns e fachadas, o certame de escaparates, as mostras de cociña, as propostas para as parroquias ou os postos no Cantón da Leña) incorpórase unha serie de espectáculos e visitas que, segundo avanzan a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, e a súa homóloga da Cultura, Patricia Lojo, seguen a senda do intenso esforzo que fai o Concello da Pobra do Caramiñal cara a esta época festiva.
No día 16, o apalpador realizará unha ruta polo centro para coñece-las crianzas, en horario de 18.00 a 21.00 horas. Tamén nesa xornada, tanto no horario da mañá coma no da tarde, contarase cun tren do Nadal, actividade que se repetirá no día 17 e que partirá da praza Alcalde Segundo Durán.
Papá Noel tamén se achegará á localidade. Será no día 22, no Fogar do Nadal habilitado na oficina do turismo, de 18.00 a 21.00 horas.
Xa focalizada nas persoas maiores, haberá unha sesión especial de Tardes de baile no día 23, a partir das 20.30 horas, no Centro Sociocomunitario e de Benestar. Estará amenizada polo grupo Puzzle.
En canto aos coros, Piccolo percorrerá o núcleo urbano no día 26, a partir das 18.00 horas, mentres que o das Amas de Casa fará o propio no 3 de xaneiro, das 19.00 horas en diante.
Nese mesmo día, o carteiro real estará no Fogar do Nadal para recolle-las peticións das crianzas e dirixírllelas aos Reis Magos.
Durante todo o mes de decembro e primeiros días de xaneiro, a axenda completarase cos seguintes espectáculos itinerantes: Bastóns de caramelo, de Barafunda Animación, no día 22 (ás 19.00 horas); Duendes locos, de Sarao Producción & Animación, no día 23 (ás 20.00 horas); Osos panda, de Barafunda Animación, no día 24 (ás 19.00 horas); O séquito branco do carteiro real, de Troula Animación, no día 29 (ás 19.00 horas); e Travesos, de Sarao Producción & Animación, no 4 de xaneiro (ás 19.00 horas).
E o Fogar do Nadal converterase tamén nestas datas no epicentro de numerosas accións destinadas á rapazada, na quenda de mañá e de tarde: talleres, pintacaras, decoración ou panxoliñas, entre outras.