José Luis Baños álzase co Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro de 2023
Preto de trinta textos concorreron á sexta edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, que o xurado decidiu outorgar a Fóra de xogo, da autoría de José Luis Baños.
Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia; María Xesús Blanco, presidenta da A. C. Barbantia; e María Canosa, gañadora da quinta edición, integraron o tribunal que destacou a calidade dos orixinais presentados. O libro galardoado narra unha relación de amizade entre dúas nenas do Afganistán unidas polos seus soños arredor dun balón e as normas do fútbol; de aí vénlle o título. Reivindícanse así os dereitos das nenas a través do deporte, da amizade e dos soños compartidos nunha situación de discriminación e desesperanza.
O premio, explica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, supón unha dotación económica de 3000 euros, a publicación na colección Árbore da Editorial Galaxia e o repartimento de exemplares entre a rapazada pobrense. A edil engade que con esta nova obra vai medrando unha colección “moi interesante” arredor do premio literario.
Agora, o nome de José Luis Baños súmase ao das persoas gañadoras nas anteriores edicións: Patricia Mallo, con Os Fantom; Xosé Antonio Neira Cruz, con O enigma do baúl pechado; a terceira edición quedou sen adxudicar, por se estimar que ningún dos textos acadaba a suficiente calidade literaria; repetiu Neira Cruz con Por mor de cinco pizzas aos catro queixos; e Teño un volcán dentro, de María Canosa.
O galardoado xa resultou distinguido polo Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño con A cámara escura, en 2020, e Lume, en 2022.
Convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia, o Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro busca estimula-la produción literaria destinada a un público lector con idades comprendidas entre os 8 e 12 anos, promove-los autores e autoras en lingua galega de literatura infantil e homenaxea-lo escritor falecido en 2017.
A entrega do premio e presentación do libro efectuarase nos vindeiros meses.