O Concello da Pobra acondiciona o patio exterior do centro de recollida de animais abandonados
O compromiso do Concello da Pobra do Caramiñal co benestar animal dá un paso máis en forma de mellora das instalacións do centro de recollida. O alcalde e titular da Concellaría do Benestar Animal, José Carlos Vidal, explica que remataron xa os traballos de acondicionamento da zona de esparexemento. Efectuouse a pavimentación do patio exterior do recinto, a construción dun muro de contención e a mellora na canalización de pluviais para a eliminación de filtracións no inmoble.
O investimento situouse preto dos 25 000 euros, IVE incluído, a cargo do remanente da Tesouraría, e a obra foi executada por Excavaciones Nima.
Con relación a esta intervención, o mandatario local manifesta que “este goberno séntese orgulloso deste tipo de accións; de lles dar unha oportunidade aos animais que foron apartados a un lado, abandonados ou maltratados, polo cal, mentres non sexan adoptados e estean baixo a custodia do Concello, sempre terán unhas condicións de vida dignas.”
Tamén quere agradece-lo encomiable labor que realiza a Protectora Moura a prol do benestar animal. Actualmente hai nove cans á espera dunha familia no dito centro. As persoas interesadas en adoptar pódense pór en contacto a través do teléfono 604030396 ou do enderezo electrónico protectoramoura@gmail.com.