A Pobra prosegue achegándolles formación a negocios no ámbito das redes sociais
Se o ano comezaba en materia formativa cunha xornada para a creación dun feed visual para o Instagram, agora este Hub As Emprendedoriñas prosegue focalizado na importancia da fotografía á hora de xerar vendas nas redes sociais para pequenas e medianas empresas (pemes), persoas autónomas e emprendedoras.
A dita acción de balde impartirase no 27 de xaneiro, ás 17.30 horas, na Casa da Mocidade, organizada por A Maruxiña. Comunicación & Marketing e Anacos Sostenibilidad, coa colaboración da Concellaría da Mocidade da Pobra do Caramiñal.
Con relación a isto, o edil Eloy Sobrido indica que se continúa formando negocios para lle saca-lo máximo proveito á presenza nas redes sociais, sen deixar de lado a perspectiva da sostibilidade, ademais de fomenta-lo networking no ámbito local e seguir na senda de dinamiza-la referida instalación municipal con actividades de diversa índole.
Non se require a inscrición previa.