Unha nova edición da mostra de teatro escolar achega catro sesións ao Elma
Catro funcións integran a mostra de teatro escolar que organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Este ciclo desenvolverase aos martes e aos xoves das dúas últimas semanas de febreiro, no teatro cine Elma, ás 12.00 horas.
A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, indica que, se cada outono/inverno se artellan programas teatrais para público adulto cos ciclos profesional e afeccionado, tamén se opta por lles achega-las artes escénicas aos centros educativos da localidade. Ao seren saídas programadas cos propios colexios, non se require a inscrición previa.
Talía Teatro desprazarase á localidade no martes 20 con Lambetadas. Trátase dun espectáculo que ten como obxectivo a concienciación e valorización da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual. Mediante o xogo escénico e o humor, as persoas protagonistas pasarán por situacións cómicas que as levarán a encarnar múltiples personaxes con diferentes oficios e disciplinas, pero descubrirán que a identidade está na propia lingua porque con ela se poden saborea-las lambetadas máis doces e variadas.
No xoves 22 será a quenda de As palabras perdidas, con Inventi Teatro, onde a Condesa Colorada e o seu axudante Leocadiof son viaxeiras/os que chegan dende moi lonxe. A Condesa, unha coñecida contadora con fama internacional, disponse a narra-lo seu relato preferido, pero, ao abri-lo libro, cae na conta de que o seu conto está cheo de buracos. Faltan palabras moi importantes que fuxiron da historia, borradas por falta de uso, e unicamente retomando a súa utilización volverán ao texto.
A función Valente e rebelde, de Trémola Teatro, representarase no martes 27. Lucía L. Golán e Paula Regueiro daranlle vida a dúas irmás que vivirán mil e unha aventuras a través de xogos e disfraces para demostrar que o mellor é ser valente e rebelde.
E Producciones GCB levará ás táboas A dobraxe dos dibus, no xoves 29.