O V Ciclo Victoriano García Martí chega á Pobra nos días 5 e 6 de abril
A literatura protagonizará a axenda desta fin de semana na Pobra do Caramiñal co V Ciclo Victoriano García Martí que promove o Concello da Pobra do Caramiñal no afán de manter viva a memoria do autor e xornalista, fillo predilecto da localidade, quen destacaba pola súa visión europeísta, difusor da cultura galega e defensor da liberdade de prensa. Isto constátase, por exemplo, na edición das Obras completas de Rosalía de Castro e no impulso do primeiro congreso de prensa de Galicia.
Durante a presentación efectuada no 2 de abril, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, transmitiu o compromiso da Administración local de seguir na senda de poñer en valor a figura e o legado literario e xornalístico de García Martí, especialmente cando o Museo Valle-Inclán custodia o fondo documental, bibliográfico e fotográfico cedido pola familia Bermejo Rubio-García Martí. Precisamente, o director da institución museística, Antonio González, incidiu na importancia desta axenda cultural para dar a coñecer un intelectual polifacético estreitamente vencellado con Valle-Inclán, tanto por amizade como polo seu traballo no mundo das letras.
O ciclo concéntrase en dúas xornadas. No venres 5 contarase coa música tradicional de Os Caraveiros polas prazas e rúas da vila, a partir das 18.30 horas, para, ás 19.00 horas, proceder coa ofrenda cívica fronte ao busto situado na praza que leva o nome do intelectual e, deseguido, desprazarse á casa do concello para a inauguración da mostra Memorias admirables do El Duque de Él, a partir das 19.30 horas, a cargo do director do Museo Valle-Inclán, Antonio González.
Finalmente, a actividade do sábado 6 desenvolverase integramente no Auditorio do Museo Valle-Inclán. Efectuarase unha lectura de textos do autor sobre A Pobra do Caramiñal, ás 19.00 horas, e a presentación da novela ¡Una más!… (1932), edición facsimilar, con Xesús Laíño Briones-Arén.