A Marcha Popular do Barbanza conxugou un ano máis deporte e paisaxe
O tempo cambiante do 1 de maio non impediu que medio cento de persoas se botase a andar coa XXXVII Marcha Popular do Barbanza, organizada conxuntamente pola Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e a Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal, coa colaboración da Protección Civil.
A expedición partiu dos Xardíns de Valle-Inclán para, paso a paso, introducirse na paisaxe de montaña ao longo de aproximadamente 20 quilómetros. A ponte das Taras, a ponte vella de Piñeiro, a ponte das Escobias ou a fervenza de Cadarnoxo foron algunhas das localizacións polas cales discorreu o itinerario que concluíu, xa pola tarde, no municipio de Lousame.
“Trátase dunha andaina amplamente consolidada no calendario deportivo local coa cal lle da-la benvida, como xa é tradición, ao mes de maio. Fomentamos así o exercicio físico ao tempo que desfrutamos do patrimonio natural, cunha ruta que muda tódolos anos para redescubri-la nosa serra camiñando”, indica o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido.
Habilitouse servizo de autobús para a volta.