Convócase un proceso selectivo para unha bolsa de emprego supletoria do Servizo de Axuda no Fogar da Pobra
O Concello da Pobra do Caramiñal convoca un proceso selectivo máis. Nesta ocasión está focalizado na creación dunha bolsa de emprego destinada á contratación de persoal laboral de duración determinada para a cobertura temporal do posto de traballo de auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
A dita bolsa será supletoria das aprobadas anteriormente, polo cal se empregará cando non exista persoal dispoñible nas anteriores. O obxectivo é garanti-la cobertura de xeito temporal das vacantes por permisos, vacacións ou incapacidades laborais temporais.
As persoas interesadas en participaren no proceso de selección deberán cumprir unha serie de requisitos; entre eles, te-lo título da formación profesional do grao medio de Atención Sociosanitaria ou o equivalente, do grao medio en Coidados Auxiliares de Enfermaría, ou do certificado de profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio. Tamén é preciso estar na posesión do permiso de condución da clase B e poder dispor dun vehículo para se desprazar no horario laboral, ademais do coñecemento do galego correspondente co nivel do Celga 2.
O proceso de selección será polos méritos. Valoraranse de acordo cos criterios seguintes: o tempo da experiencia no posto de persoal de axuda no fogar ou afín, a categoría profesional no traballo inmediatamente anterior como persoal de axuda no fogar ou afín, e a formación académica.
Presentaranse as solicitudes de participación mediante unha instancia no rexistro xeral de entrada do Concello da Pobra do Caramiñal, no horario das 09.00 ás 14.00 horas. O prazo é de 15 días hábiles dende a publicación do anuncio desta convocatoria no taboleiro de anuncios da sede electrónica, neste 15 de maio. Deberase anexar toda a documentación necesaria para valora-los criterios mencionados.
O texto íntegro está á disposición na referida sede electrónica.