Intercambio de experiencias entre o Concello da Pobra e o Lar Gallego de Sevilla
Máis de cincuenta integrantes da asociación Lar Gallego de Sevilla estiveron estes días na terra nai, rememorando a arte, cultura, lingua e gastronomía.
No seu afán de construír pontes de relación entre Galicia e Andalucía, no 10 de xuño achegáronse ata a casa consistorial da Pobra do Caramiñal, onde foron recibidos polo alcalde, José Carlos Vidal, e pola concelleira do Turismo, Estefanía Ramos.
O rexedor felicitou ao ente por espallar a cultura galega en terras andaluzas e entende que a saudade é o motor principal deste tipo de iniciativas para salvagardar parte da identidade de quen tivo que marchar e tamén garantir unha interrelación entre ámbalas comunidades autónomas. Lembrou, ademais, na súa etapa como bibliotecario municipal, a lectura da revista Anduriña, editada precisamente polo Lar Gallego de Sevilla.
Pola súa parte, a edil desexoulles unha agradable estadía na Pobra do Caramiñal e agradeceu novamente o convite ao Departamento do Turismo para representar a Galicia no XIV Encuentro de Casas Regionales y Provinciales de Sevilla que transcorreu no pasado mes de outubro. Isto posibilitou difundi-los recursos turísticos pobrenses e o folclore galego en territorio andaluz.
Houbo tamén intercambio de agasallos. O Concello da Pobra do Caramiñal recibiu como obsequio un banderín co símbolo da asociación e fíxoselle entrega á expedición de bolsas con material turístico para coñeceren máis sobre todo o que ofrece a localidade.