Dous espectáculos de narración oral do festival Atlántica chegan á Pobra nesta fin de semana
A Pobra do Caramiñal é unha das localidades nas que o festival Atlántica espalla historias nesta duodécima edición. Dous espectáculos destinados a público adulto fusionarán narración oral e paraxe nesta fin de semana.
Un ano máis, a Concellaría da Cultura colabora con este certame “para aproximar esta disciplina artística á veciñanza, que se caracteriza por establecer un vínculo moi especial co público a través da palabra, dos xestos. Contos a viva voz, contacto directo e un escenario ao aire libre para crear novas experiencias culturais e recuperar a tradición de narrar historias”, manifesta a edil Patricia Lojo.
No venres 5 tocará oír a Su Garrido Pombo en Patios de luz, nos xardíns do pazo do Couto. Alí contará e cantará unha historia común: a da emigración da aldea ós barrios, onde as protagonistas son as veciñas, a comunidade, o día a día, as hortas, o doméstico. A entrada efectuarase polas inmediacións da fonte do Castelo.
E a quenda da compañía En Branca e Negra, con Cris de Caldas e Amor Herrera, será no sábado 6 con Ida e volta, no Cantón da Leña. As artistas conxugan narración oral e música en directo para facer unha viaxe no espazo e no tempo a través de historias de migracións para non perde-la memoria e riqueza da diversidade cultural; porque, rememorando o pasado, entenderase mellor o presente e respectarase o futuro.
Ambas están programadas para as 21.00 horas e son de balde.
Máis información na páxina web www.festivalatlantica.gal.