O Concello da Pobra inviste máis de 60.000 euros nos colexios para o inicio do curso 2024-2025
Un novo curso escolar comeza xa e, para unhas instalacións en óptimas condicións para escolares e docentes, a brigada municipal dos colexios estivo traballando durante todo o verán nunha serie de tarefas de acondicionamento nas escolas unitarias e nos centros de educación primaria: pintura, instalación eléctrica, zonas verdes… O investimento total realizado pola Concellaría do Ensino da Pobra do Caramiñal estímase que supera os 60.000 euros.
A edil responsable desta área, Amparo Cerecedo, apunta que dende a Administración local “cumprimos cos deberes” para o inicio do ano académico 2024-2025. Trátanse duns labores extraordinarios máis alá do mantemento que se realiza ao longo de todo o curso, solicitados pola comunidade educativa dentro da competencia municipal para a posta a punto dos centros de ensino da infantil e da primaria.
Máis polo miúdo, Carlos Abuín, coordinador da brigada dos colexios, enumerou as actuacións feitas: cambio de toda a instalación eléctrica da EEI Fernández Varela (28.000 euros), cambio da acometida de corrente na escola unitaria do Campo-A Angustia (18.000 euros), colocación de 140 metros de estrado no Vilariño, pintouse unha parte dunha aula da Granxa, renovación da pintura de tódolos corredores e varias aulas no CEP Pilar Maestú Sierra e, no CEP Salustiano Rey Eiras, pintouse o portal, varandas, estrutura metálica da entrada, os bordos e zonas de estacionamento, ademais da adecuación das zonas verdes en todos eles. “Case quedan tódalas demandas cubertas. Cousas que non puidemos facer farémolas durante o curso”, puntualiza.
“Seguimos apostando por un ensino público e de calidade”, subliña Cerecedo, cun compromiso que se reafirma coas axudas de escolarización, cun orzamento de 10.900 euros, destinadas a familias en condicións económicas e sociais desfavorables e das cales se beneficiarán 27 crianzas. Esta prestación ten dúas vertentes: un bono para material escolar de 55 euros e o pagamento do gasto do comedor escolar, con porcentaxes que oscilan entre o 35 % e o 100 %.
Porase novamente en marcha o servizo de atención socioeducativa Espazo nas Escolas, como indica a concelleira; unha ferramenta mediante a cal unha psicóloga fai unha intervención semanalmente co alumnado, ademais de coas súas familias e profesorado, nos centros.