A Pobra volveu tinguirse de cor morada co Nazareno
Devoción. Ese é o sentimento que se palpaba na Pobra do Caramiñal nun dos seus grandes días con motivo da procesión votiva das mortallas. O terceiro domingo do mes de setembro volveu tinguirse de cor morada e ulir á cera das candeas prendidas.
O repique das campás anunciaba pasadas as 10.30 horas a saída da imaxe da igrexa de Santiago do Deán acompañada de multitude de fieis e ao compás das agrupacións musicais que tamén integraban a comitiva. Tamén asistiu o arcebispo da Diocese de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto.
E, se hai algo que caracteriza a esta procesión, é a participación de cadaleitos ofrecidos por superar unha enfermidade ou evita-la morte: catro de persoas adultas neste 2024.
Ao paso do Nazareno pola Covecha comezou a tradicional sucesión de bombas de palenque; parada na que numerosos devotos aproveitaron para pasar algunhas das súas pertenzas pola túnica co obxectivo de que lle transfira a súa protección.
No desfile participaron o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, e demais membros da corporación municipal, así como o rexedor de Boiro e representantes de forzas e corpos de seguridade, entre outros.
Este evento relixioso contou cun amplo operativo de seguridade e emerxencias sanitarias coa finalidade de evitar calquera incidente.
As catro xornadas de celebración do Nazareno, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, chegarán ao seu fin no luns 16 co espectáculo combinado de drons e fogos de artificio ao son da música, o primeiro destas características en todo Galicia.