Bota a andar unha nova edición do Programa Integrado de Emprego dos Concellos da Pobra, Boiro e Rianxo
Os Concellos da Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo desenvolven conxuntamente unha nova edición do Programa Integrado de Emprego (PIE), desta vez, para o curso 2024/2025. O alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, acompañou aos seus homólogos de Boiro e Rianxo, José Ramón Romero e Julián Bustelo, respectivamente, na súa visita ao Centro de Formación e Viveiro de Empresas do municipio boirense co obxectivo de dar a coñece-la actual oferta formativa. Na visita estivo tamén o concelleiro boirense de Comercio, Formación e Emprego, Roberto Lojo, e o persoal técnico encargado do programa, César Cortiñas e Natalia Carou.
O Programa Integrado de Emprego 2024/2025 está destinado a 100 persoas da comarca inscritas como demandantes de emprego que, durante 12 meses, van recibir formación específica acorde aos sectores produtivos da zona, así como xornadas destinadas a mellora-las habilidades de empregabilidade e inserción laboral.
Nesta edición impartiranse técnicas de limpeza e departamento de pisos; eventos, cátering e banquetes; cociña básica; elaboración de pezas cárnicas; preparación de peixes e mariscos para a industria e venda; identificación de alérxenos e manipulación de alimentos; condución de carretillas; xestión e control de compras e stock; ou operacións básicas de caixa; entre outras materias.
Ademais, levaranse a cabo accións de información, orientación e asesoramento laboral; formación en habilidades sociolaborais e en técnicas de busca efectiva de emprego; sesións de coaching; formación en idiomas e novas tecnoloxías; formación específica para o emprego; prospección de ofertas laborais e prácticas profesionais.
Este PIE baséase nunha metodoloxía innovadora que inclúe aspectos como a adaptación ás necesidades das persoas usuarias; uso de novas tecnoloxías para favorece-la comunicación; uso de redes sociais para conseguir unha mellor interacción; uso de ferramentas TIC para a busca de emprego; networking e acompañamento.
As persoas participantes percibirán unha axuda consistente en 10 euros por día de asistencia ás accións. A maiores, as Administracións locais ofrecen medidas de conciliación para favorece-la concurrencia segundo as necesidades.
O dito Programa está financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Ministerio de Traballo e Economía Social.
Xa no 2023/2024 se realizou conxuntamente entre os tres municipios; curso que está a piques de rematar cunha inserción laboral de 58 persoas.
Máis información no enderezo electrónico emprego@boiro.gal ou nos teléfonos de contacto 659247963 e 650042409.