
A axenda valleinclaniana da Pobra aproximou ao público a edición facsímile Flor de Santidad: Historia milenaria
Unha nova presentación literaria desenvolveuse no seo das XXVI Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán: Flor de Santidad: Historia milenaria, de Ramón del Valle-Inclán con edición facsímile a cargo de Olivia Rodríguez Tudela, investigadora e profesora da Universidade da Coruña.
Rescátase así a novela de 1920 cun coidado traballo que recrea a maquetaxe dun século atrás acompañada das ilustracións de Moya del Pino. Non é de estrañar que, pasando as súas follas, percibamos os motivos polos que o Ministerio de Cultura decidiu outorgarlle o segundo premio ao facsímile mellor editado en España no 2023.
Unha reprodución que ve a luz da man de Alvarellos Editora e coa colaboración do investigador e neto do literato, Xaquín del Valle-Inclán Alsina. O público pobrense tivo ocasión de introducirse novamente no universo valleinclaniano na tarde do venres 25, nas instalacións do propio Museo Valle-Inclán, nun acto no que o alcalde, José Carlos Vidal, e o director da institución museística, Antonio González, acompañaron á propia Olivia Rodríguez Tudela e ao editor Quique Alvarellos Casas.
Con selo galego, recupérase unha lectura no seu formato orixinal, continuando o camiño emprendido no 2018 coa publicación do facsímile de La lámpara maravillosa.
O outubro valleinclaniano continúa durante a fin de semana con dúas accións no mundo das artes escénicas. A dramaturxia chega en formato de roteiro teatralizado por espazos da Pobra con A vila na que as pariu! Cen anos das Luces de Bohemia de Valle-Inclán, da man de Teatro Enpunto, neste sábado 26, a partir das 12.30 horas. O punto de encontro establécese no Cantón da Leña.
E Cardume Teatro representará Las galas del difunto… e outros esperpentos no teatro cine Elma, ás 19.30 horas do domingo 27.