O Concello da Pobra destina persoal e material aos traballos de limpeza e seguridade no territorio afectado pola DINA
O Concello da Pobra do Caramiñal destina recursos humanos e materiais á zona afectada pola Depresión Illada en Niveis Altos (DINA), concretamente a Aldaia, se ben a localización pode variar segundo as necesidades unha vez no lugar.
Catro voluntarios da Protección Civil e un axente da Policía local partiron na mañá do 7 de novembro para realizar labores de achique e limpeza de rúas e de seguridade cidadá, ademais doutros traballos que se lles poida encomendar.
Para todo isto levan consigo un vehículo todoterreo, remolque, coche patrulla, xeradores, mangueiras, palas, rastros, caldeiros e bombas de achique, entre outros medios.
“Dende o Concello da Pobra do Caramiñal non dubidamos en poñer a disposición medios humanos e materiais para axudar nos traballos que se están levando a cabo nos municipios afectados pola DINA. Por iso, xestionamos a través da Dirección Xeral de Emerxencias este apoio e iniciamos a planificación para os vindeiros días de estadía, no noso caso, inicialmente, con destino en Aldaia”, manifesta o alcalde e titular da Concellaría da Seguridade, José Carlos Vidal. Engade que xa a finais da semana pasada se valorou o envío de artigos de primeira necesidade, pero tralas consultas pertinentes, “optamos por agardar dado os problemas de loxística e almacenamento alí existentes polo colapso.”
O equipamento do voluntariado permitirá achicar 300.000 litros de auga por hora, mentes que o policía local realizará tarefas de seguridade cidadá durante as noites e apoio a Protección Civil polas tardes.