Un proxecto socioeducativo renaturalizará parte do patio de xogos do colexio de Cadreche
Parte do patio de xogos do CEP Pilar Maestú Sierra lucirá novo aspecto a través dun proxecto socioeducativo e ambiental.
Consistirá na rexeneración e integración da área de lecer do colexio coa contorna na que se sitúa. Durante dous cursos, elaborarase conxuntamente un espazo sostible coa plantación de diversas especies botánicas e incorporación de elementos de xogo, entre eles, as cabanas realizadas polas propias crianzas. Todo isto en base á permacultura como explicou Ana de Diego, en representación de Agrofloresta Viva, empresa que executa os traballos.
A concelleira do Ensino da Pobra do Caramiñal, Amparo Cerecedo, incidiu na importancia desta iniciativa de renaturalización que financia a Administración local con 15.000 euros na primeira fase. “Non só serve para rexenerar un espazo de maneira ambiental, senón que tamén para que todos tomemos conciencia de que debemos coidar a nosa terra, o noso planeta”, fixo fincapé a edil.
Trátase dunha actividade de interese especial para a comunidade educativa, como apuntou a directora do colexio, Silvia Folgueira, pois “a colaboración de varios sectores e persoas vai dar lugar a un espazo para os nenos e as nenas que vai ser importante.” Segundo precisou “é un proxecto interdisciplinar” ao unir educación, colaboración e sostibilidade.
Deste xeito, daráselle unha segunda vida á natureza morta como así quixeron representar cun acto simbólico que marcou o inicio desta nova etapa no centro de estudos e que contou coa implicación de toda a comunidade educativa.