A Pobra continúa redescubrindo o reino dos fungos en formato de curso
O xardín veciñal do centro sociocultural da Ribeiriña segue a dinamizarse cunha nova actividade pensada en exclusiva para o outono: un curso sobre o reino dos fungos. Trátase dunha proposta que lanzan conxuntamente a Concellaría da Participación Veciñal da Pobra do Caramiñal e Agrofloresta Viva para “ensinar á veciñanza sobre o cultivo de diferentes especies de cogomelos. Durante os pasados meses centrámonos noutras plantas e agora, co outono, poñemos o foco no reino dos fungos co obxectivo de que estes agromen nas nosas parcelas, cos conseguintes beneficios en canto a biodiversidade e aproveitamento deste recurso natural. Temos materia prima de calidade no noso mar, pero tamén nos nosos bosques”, explica a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo.
Esta acción de balde terá lugar no sábado 23, de 10.00 a 14.00 horas, no propio centro sociocultural da Ribeiriña e non require inscrición previa. David Botana e David García impartirán esta actividade que se centrará no king stropharia e no shiitake. Para iso, farán unha introdución ao mundo dos cogomelos, a súa importancia no ecosistema e técnicas para cultivar ambos exemplares na casa como avanzou Ana de Diego, en representación de Agrofloresta Viva.
Este é un paso máis no proxecto de permacultura que se desenvolve no lugar focalizado na rexeneración paisaxística coa implicación da comunidade.