O programa Feito coas túas mans culmina cuns obradoiros de Nadal
Cestería, macramé, cerámica, madeira e xabóns integraron a oferta dos obradoiros de artesanía Feito coas túas mans; unha iniciativa da Concellaría da Participación Veciñal da Pobra do Caramiñal para potencia-la creatividade da veciñanza, dinamiza-los centros socioculturais e dar a coñece-lo traballo de artesáns da contorna.
“O éxito foi espectacular. Enchemos a capacidade de tódolos obradoiros nun par de horas dende o momento do seu lanzamento”, apunta a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo. Dada a demanda existente, o programa finalizará cunha edición especial focalizada no Nadal. A edil explica que estes catro novos talleres se realizan en colaboración con Artesanía de Galicia, pois “empregamos esta entidade para captar artesáns de toda Galicia porque queremos non só aprender a facer cousas, senón tamén dar a coñece-la actividade de todas esas persoas que están recuperando profesións tradicionais e a elaboración de obxectos de maneira manual que se estaban perdendo.”
Como pez en el agua ensinará sobre a elaboración de adornos de Nadal, do 25 ao 28 de novembro; Amor o Teu impartirá estampaxe, do 2 ao 3 de decembro; Latonta y Larubia dará clases sobre esmaltado en po sobre metal, en cocción a baixa temperatura, do 4 ao 5 de decembro; e a confección de bonecas de trapo virá da man de Wooding, do 9 ao 12 de decembro.
Todos estes talleres desenvolveranse na Casa Mariñeira, situada no parque do Castelo, en horario de 18.00 a 20.00 horas.
As prazas son limitadas, polo que é necesaria a inscrición previa a través do enderezo electrónico obradoirosnapobra@gmail.com a partir deste 19 de novembro. Deberanse proporciona-los seguintes datos: o nome, os apelidos, o teléfono de contacto e o taller no que se quere participar. Unicamente se pode acceder a un obradoiro, aquel indicado como preferencia. En caso de apuntarse en varios, quedarase en lista de agarda nos restantes, e, de haber vacantes, cubrirase por orde de reserva.