Artesáns e artesás impartirán obradoiros nos centros socioculturais da Pobra
Os centros socioculturais da Pobra do Caramiñal dinamizaranse con varios obradoiros artesáns de balde dentro do programa Feito coas túas mans, que se estenderá ata finais de ano.
Durante o acto de presentación, a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, incide en que se prosegue achegando actividades ás parroquias do termo municipal. Alí estivo na compaña de José Manuel Riveiro (SonAgasallo), Loaira Pérez (Raposiñas), David Pérez (Noites de Datura) e Carla Martínez (Flow de Meiga). “A Concellaría da Participación Veciñal organiza esta serie de obradoiros co afán de crear comunidade e potencia-la creatividade”, manifesta a edil.
A cestaría estará impartida por La Parabólica, no Campiño, durante os sábados do período comprendido entre o día 27 de abril e o 4 de maio. Tamén contará con este taller A Ribeiriña, a cargo de Capixuta, aos sábados do 18 ao 25 de maio. En ámbolos casos, o horario será das 16.00 ás 20.00 horas.
Noites de Datura será o encargado de ensinar sobre macramé no Camiño Ancho. Será aos mércores do mes de xuño, dende as 18.00 ata as 20.00 horas.
O muíño da Ponte Barbanza contará con cerámica, da man de Raposiñas. Desenvolverase aos mércores do mes de setembro, das 18.00 ás 20.00 horas.
Tamén haberá clases para traballa-la madeira con SonAgasallo, en Santo Isidro, aos mércores do mes de outubro, no horario das 18.00 ás 20.00 horas.
E haberá ocasión para aprender a facer xabóns, con Flow de Meiga, na Angustia. Terá lugar aos mércores do mes de novembro, dende as 18.00 ata as 20.00 horas.
As prazas son limitadas e formalizaranse as inscricións a través do enderezo electrónico participacionvecinhal@gmail.com. Deberanse proporciona-los seguintes datos: o nome, os apelidos, o DNI, o teléfono de contacto e o/s obradoiro/s no/s cales se quere participar.