
Alumnado da primaria da Pobra conmemora o 25-N a través da campaña municipal Desmárcate!

CEP Salustiano Rey Eiras
Neste 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller; unha data arredor da cal a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal lanzou unha ampla axenda para tinguir de violeta o mes de novembro. Para este mesmo día, convócase unha concentración, ás 18.00 horas, nos Xardíns de Valle-Inclán, a carón da escultura en homenaxe ás vítimas da violencia de xénero. Alí procederase coa lectura dun manifesto e minuto de silencio.
Ademais, os colexios da primaria participaron neste 25-N cunha actividade de carácter artístico, sen esquece-lo compoñente da concienciación. Ataviados coas camisetas co lema da campaña municipal Desmárcate!, tanto o CEP Salustiano Rey Eiras coma o CEP Pilar Maestú Sierra elaboraron camisetas en cartolina negra con mensaxes de actitudes das que desmarcarse, as cales quixeron despois expoñer nun espazo común de cada unha das instalacións educativas. A maiores, o CEP Salustiano Rey Eiras interpretou a súa propia versión da canción Ella, de Bebe. A concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, e a asesora xurídica á muller, María Pérez, asistiron para comproba-lo transcurso da xornada.
Esta é unha das moitas accións destinadas aos centros de estudos, pois “consideramos a educación como base cara unha sociedade igualitaria, polo que gran parte da programación polo 25-N está orientada á comunidade educativa”, apunta a edil.

CEP Salustiano Rey Eiras

CEP Salustiano Rey Eiras
Contacontos para escolares da infantil, obradoiro artístico de sensibilización para alumnado de Bandaseca, actuación musical para Cadreche, presentación do Servizo da Igualdade municipal no instituto e no CPR Divino Maestro, charla informativa sobre as agresións sexuais e a violencia sexual destinada ao CPR Divino Maestro e entrega de vinilos de mulleres referentes de apoderamento feminino entre o estudantado do IES son o resto de actividades para os diferentes niveis de ensinanza a desenvolver ao longo do presente mes.

CEP Pilar Maestú Sierra

CEP Pilar Maestú Sierra
Doutra banda, houbo a quinta sesión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional Contra a Violencia de Xénero e a medallista internacional na modalidade de parakarate, Cristy Tojo, impartirá un curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas.
Parte desta programación conta con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, do Ministerio de Igualdade.