A Pobra é unha das seis sedes da Campaña de Vela 2023
O Concello da Pobra do Caramiñal participa, a través da Área dos Deportes, na Campaña de Vela 2023, impulsada pola Deputación da Coruña. A localidade é unha das seis sedes deste programa para inculca-la práctica dos deportes náuticos entre a rapazada de toda a provincia con idades comprendidas entre os 9 e 18 anos.
O curso terá unha duración de cinco días en grupos de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, que incluirá unha iniciación aos principais conceptos teóricos e prácticos da navegación a vela. A Pobra correspóndese coa cuarta quenda, que transcorrerá do día 7 ao 11 de agosto.
A solicitude deberase entregar no rexistro do Concello no período comprendido entre o día 15 de xuño e o 26 de xullo.
O tríptico coa ficha de inscrición está tamén ao dispor na páxina web www.apobra.gal. Non obstante, a documentación e o pagamento da taxa por un importe de 25 euros non se efectuará ata que a Administración local confirme a praza.