Servizos Sociais da Pobra amplía a atención á cidadanía ás tardes
Ao habitual horario da mañá do Departamento dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal súmase a atención nas tardes dende esta mesma semana.
Deste xeito, o local situado fronte á casa consistorial estará tamén aberto aos luns, martes e mércores, de 15.00 a 20.30 horas, cunha traballadora social e unha administrativa do cadro de persoal municipal que irán rotando semanalmente.
A concelleira Amparo Cerecedo explica que este aumento da xornada atinxe unicamente o Departamento dos Servizos Sociais, por se detectar unha demanda da veciñanza para asistir nas tardes para facer consultas, pedir cita ou entregar documentación. O obxectivo radica, polo tanto, no incremento das prestacións, na mellora da relación da veciñanza coa Administración local e en facilita-la realización de trámites de maneira presencial para aquelas persoas con competencias dixitais limitadas e a quen, en consecuencia, lles resulta complexo facelo telematicamente.