Broche de ouro ao cuarto de século das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán con teatro
A Pobra do Caramiñal vive nesta semana as últimas actividades ao abeiro da vixésimo quinta edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán con “accións de interese para tódalas idades” tal e como manifesta a concelleira da Cultura, Patricia Lojo.
Co afán de inculca-la vida e obra do literato nas novas xeracións, no mércores 25 e no xoves 26, Teatro Cachirulo representou sobre as táboas do Elma o espectáculo de monicreques A cabeza do dragón, dirixido a alumado da primaria.
Neste venres 27, as propostas destinaranse a estudantado da secundaria coa función de narración oral Valle-Inclán, o “hipster” antigo: relatos de almas en pena, trasnos e ladróns, con Charo Pita e baseado na obra Jardín umbrío, no Auditorio do Museo Valle-Inclán.
A programación restante está aberta ao público en xeral. Nesta mesma tarde, ás 20.00 horas, Quico Cadaval executará no Elma a performance Divinas palabras. Imaxes profanas.
E Teatro en Punto porá o broche de ouro coa peza teatral A miña irmá Antonia no domingo 29. Será no Elma, ás 19.30 horas.
A segunda das exposicións ao abeiro desta axenda valleinclaniana e o acto conmemorativo da nacenza de Valle-Inclán coa tradicional ofrenda cívica e o concerto da Banda de Música Ateneo Musical da Pobra do Caramiñal adíanse por mor da previsión meteorolóxica. Cando haxa nova data, esta será comunicada.