O Concello e o IES da Pobra repiten o curso de intelixencia emocional para as familias
As familias de alumnado da secundaria poderán adquirir ferramentas para a xestión emocional a través da segunda edición do curso para nais e pais Estrés e ansiedade na adolescencia que promoven a Concellaría dos Servizos Sociais, o IES da Pobra e a ANPA.
Juan Carlos Santiago, experto universitario en intelixencia emocional, será o encargado de impartir esta acción formativa no 18 de novembro, en horario de 09.00 a 14.00 horas, no salón de usos múltiples da instalación educativa.
A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, incide en que “hai que traballa-lo mundo das emocións” e outorgárlle-las ferramentas necesarias ás familias para a xestión de determinadas situacións. Repítese así este curso, por mor do “éxito da anterior ocasión”, coa participación de máis de 30 familias, segundo declara a edil, e por causa da demanda ao respecto.
Tamén interveu a vicedirectora do referido centro de estudos, Belén Besada, quen apunta que a mellora do estado emocional do alumnado tamén redunda positivamente no rendemento escolar.
A inscrición efectuarase a través da aplicación abalarMóbil ou no propio IES.