A Pobra premiou as vivendas mellor engalanadas neste Nadal
As persoas propietarias das vivendas gañadoras do IV Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas da Pobra do Caramiñal recibiron no 13 de decembro as distincións da man da concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo.
A edil explicou que esta convocatoria contou coa participación de máis de 30 domicilios que demostraban creatividade e vistosidade nestas datas sinaladas. No seo da campaña Consegue Caramiñas, Comparte Nadal, este certame reparte 2100 euros no total, no formato de vale/caramiñas para trocar nos máis de corenta establecementos comerciais e de servizos adheridos.
O xurado decidiu adxudica-lo primeiro premio a un fogar situado en Tarrío, cunha recompensa de 600 euros. E os cinco segundos, de 300 euros, un por cada parroquia, foron parar a unha vivenda na rúa Cardeal Patiño (Santiago do Deán), no lugar da Mercé (Santo Isidro de Posmarcos), no lugar de Rosamonde (Santa Cruz de Lesón), en Bandaseca (Santa María do Xobre) e A Pontenaveira (Santa María a Antiga do Caramiñal).
A ornamentación deberá permanecer ata o día 6 de xaneiro.