A Pobra xa conta coas persoas gañadoras do importe da cea da Noiteboa
Persoas usuarias do centro de día da Pobra do Caramiñal foron as encargadas de sacaren da caixa con 30 000 boletos depositados os tres afortunados co importe da compra da cea da Noiteboa, no seo da campaña Consegue Caramiñas, Comparte Nadal impulsada pola Concellaría da Promoción Económica: un primeiro premio, dotado de 600 euros; un segundo, de 400 euros; e un terceiro, de 200 euros. As ditas recompensas son no formato de vale/caramiña para trocar por produtos nos postos do mercado municipal.
Esta acción dirixida á clientela da praza de abastos continúa operativa deica o sorteo do importe da compra da cea da fin de ano, ao cal concorrerán tódolos boletos introducidos dende o inicio da campaña.
A concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, explica que esta acción xorde para incentiva-las compras do produto local e pór en valor o mercado municipal e os/as mercadores/as da praza.
No que respecta á dinámica, entregarase un boleto dunha caramiña por cada dez euros de compra. Deberanse cubri-los datos e depositar nunha das urnas do interior da referida instalación municipal.
Ademais de asistir ao sorteo, as persoas da expedición do centro de día tiveron a ocasión de ve-la decoración da praza, na cal participaron coa elaboración de parte dos ornamentos e recibiron cadanseu obsequio do Nadal.