O Concello da Pobra incentiva as compras na praza de abastos coa campaña Consigue Caramiñas, Comparte Nadal
O Nadal trae consigo unha serie de preparativos onde as comidas constitúen un dos principais focos de atención. Na súa firme aposta por incentiva-las compras do produto da proximidade e pór en valor o mercado municipal e os/as mercadores/as da praza, a Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal impulsa a campaña Consigue Caramiñas, Comparte Nadal, que sorteará entre a clientela da praza de abastos o importe da compra da cea da Noiteboa e da fin de ano.
Xunto coa presidenta da Asociación de Profesionais da Praza de Abastos, Noelia Hermo, a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, declara que esta é a primeira da batería de accións que pon en marcha a Administración local para estas datas. Ademais, fai referencia a que a decoración que loce o mercado municipal é un claro exemplo do espírito propio desta época, de compartir, pois foi elaborada polas persoas usuarias do centro de día, a Asociación de Amas de Casa e rapazada participante no programa socioeducativo Aníma-te.
A campaña estenderase do día 20 de novembro ao 21 de decembro e, por cada dez euros de compra, entregarase un boleto dunha caramiña. Deberanse cubri-los datos e depositar nunha das urnas que haberá no interior da referida instalación municipal.
Nese tempo efectuaranse dous sorteos: o primeiro será no día 15 e o segundo no día 21. E cada un constará de tres premios: un primeiro de 600 euros, un segundo de 400 euros e un terceiro de 200 euros. Estes serán en formato de vale/caramiñas para trocar por produtos nos postos do mercado (ata o día 23 para a cea da Noiteboa e ata o día 30 para a cea da fin de ano).