Escolares da E.E.I. Fernández Varela mostraron os seus superpoderes
No 3 de decembro conmemorouse o Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, unha data arredor da cal estiveron traballando os/as escolares da E.E.I. Fernández Varela e que se materializou no formato dunha carreira solidaria na mañá deste día 15, nos Xardíns de Valle-Inclán.
Máis de 50 crianzas da educación infantil do referido centro de estudos participaron nesta iniciativa, ataviadas con capas e antefaces elaborados por eles/elas para demostraren que “todos e cada un de nós ten un superpoder”, nas palabras da mestra Ana Patiño.
Nas inmediacións tamén se habilitou unha urna para donativos económicos a favor da Fundació La Nineta dels Ulls.
O Concello da Pobra do Caramiñal colaborou na realización deste evento educativo-solidario, pois a edil do Ensino, Amparo Cerecedo, manifestou que “este tipo de actos lúdicos son fundamentais para a aprendizaxe” e visibilizar que “a riqueza está en acepta-la propia diferenza e que tódalas persoas temos un poder.”