Finaliza na Pobra unha nova edición dos cursos de poda e enxerto de árbores froiteiras
Co remate do mes de agosto concluíu unha nova edición dos cursos de poda e enxerto de árbores froiteiras promovidos pola Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal.
No 31 de agosto impartíronse as últimas nocións prácticas da man da labrega e formadora Carme Freire Cruces mediante a poda de cerdeiras e realización de enxertos.
“Un ano máis atopámonos con moi boa aceptación deste itinerario formativo de balde por parte da veciñanza. Novamente espertou moito interese ata cubri-la totalidade das prazas ofertadas”, explica o concelleiro do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro. A Administración local aposta por este tipo de accións, segundo apunta, “para a capacitación da cidadanía no coidados das súas hortas en distintas épocas do ano ensinando habilidades que contribúan a favorece-lo correcto desenvolvemento das súas árbores froiteiras.
A cuarta convocatoria do curso de poda comezou coa parte teórica, se ben os coñecementos adquiridos se puideron levar ao terreo tamén no 25 de febreiro, coa poda en seco de froiteiras de óso e de pebida, e no 11 de maio, coa poda en verde.
Doutra banda, a segunda edición do curso de enxerto arrancou no 3 de febreiro cunha clase teórica e outra práctica.