Regresa á Pobra unha nova edición dos cursos de poda e enxerto de árbores froiteiras
A Pobra do Caramiñal impulsa unha nova edición dun itinerario formativo de balde en materia medioambiental cunha grande aceptación: os cursos de poda e de enxerto das árbores froiteiras. A labrega e formadora Carme Freire Cruces asumirá novamente a impartición de ámbalas accións que se estenderán ata o verán, segundo avanzan o concelleiro do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, e a técnica municipal desta área, Beatriz González.
Nas palabras do edil, apóstase novamente “pola capacitación da veciñanza no coidado das súas plantas; concretamente, ensinando habilidades para contribuír a un correcto desenvolvemento das árbores froiteiras e por causa da boa acollida rexistrada nas anteriores ocasións.”
A cuarta convocatoria do curso de poda arrancará coa parte teórica no 13 de xaneiro, dende as 10.00 ata as 14.00 horas, na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal. Os coñecementos adquiridos levaranse ao terreo durante a tarde, de 16.00 a 20.00 horas, coa poda en seco de froiteiras de óso e de pebida en parcelas. A práctica continuará no 11 de maio, coa poda en verde, e no 31 de agosto coa poda de cerdeiras. Estas últimas xornadas realizaranse en horario de 10.00 a 14.00 horas.
Doutra banda, a segunda edición do curso de enxerto iniciarase no 3 de febreiro cunha clase teórica na xa referida instalación municipal, de 10.00 a 14.00 horas, para proseguir coa práctica durante a tarde, dende as 16.00 ata as 20.00 horas, en parcelas, que se repetirá no 31 de agosto, nese mesmo horario.
Existe un límite de 15 prazas por acción formativa, polo cal se require a inscrición previa no enderezo electrónico medioambiente@apobra.gal ou presencialmente no Departamento do Medio Ambiente.