Conclúe o ciclo teatral do outono na Pobra coa función Testosterona
A Pobra do Caramiñal despide xa o ciclo teatral do outono artellado pola Concellaría da Cultura coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña logo de varias semanas de funcións. “Como xa é habitual, cada outono apostamos polas artes escénicas dentro da oferta cultural dada a boa acollida. A dramaturxia xa tivo un papel clave no mes de outubro coas XXVI Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, a cal nos aproximou ao universo valleinclaniano grazas ao talento interpretativo de compañías de renome. E durante todo o mes de novembro e a primeira semana de decembro tivémo-lo ciclo teatral do outono. Pero, agora, tamén como ferramenta de sensibilización” declara a concelleira da Cultura, Patricia Lojo.
Cinco sesións que chegan ao seu fin coa representación de Testosterona, a cargo de Malasombra Producións. Será no domingo, 1 de decembro, ás 19.00 horas, no teatro cine Elma. Exponse a desigualdade laboral: un home e unha muller optan a un posto de máxima responsabilidade nun medio de comunicación de ámbito nacional e formúlase a pregunta de que factores influirán na decisión.
O acceso á dita instalación municipal é libre ata completa-la cabida.