Cinco funcións integran o ciclo teatral do outono de 2024 no Elma
Un ano máis, compañías teatrais de renome de toda Galicia subirán ás táboas do Elma. No total levaranse á escena cinco funcións ao abeiro dun novo ciclo organizado pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Representaranse aos domingos do mes de novembro e primeira semana de decembro, ás 19.00 horas.
“O Elma seguirá erixíndose como un fervedoiro cultural nas vindeiras semanas. A dramaturxia ten un papel clave dentro das XXVI Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, polo cal, durante o mes de outubro, son moitas as compañías que nos cativan co seu talento interpretativo e continuaremos desfrutando das artes escénicas durante todo o mes de novembro e a primeira semana de decembro co habitual ciclo teatral do outono. Son cinco sesións que nos farán rir, pero, sobre todo, reflexionar a través do teatro. Porque este tamén é unha poderosa ferramenta de sensibilización. Por iso se abordarán temas tan importantes coma a igualdade, a memoria histórica ou a saúde mental, entre outros”, manifesta a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, xunto coa técnica municipal desta área, Fita Sanisidro. Coma de costume, a entrada é libre ata completa-la cabida.
O cartel arranca no 3 de novembro con As alumnas, de Culturactiva Producións. Esta función versa sobre dúas antigas alumnas de María Barbeito que se atopan novamente trala morte da mestra en 1970. Atrás quedan a infancia e o mundo que lles abriu esa profesora antes de que o Comité de Depuración a apartase do seu traballo na escola. Son as dúas únicas estudantes que lle escribiron cartas en que lle narraban as súas vidas. A través desa correspondencia, o público asiste a unha historia de xustiza social, memoria histórica e mulleres que loitaron pola educación e igualdade en Galicia. Foi distinguida co Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, co Premio Follas Novas 2023 ao mellor libro de teatro e co Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade.
De Ste Xeito Producións subirá ao escenario con Neura… Unha comedia neurótico-festiva, no 10 de novembro. Aquí abórdase o tema da saúde mental a través de dous protagonistas que viviron no pasado a súa historia de amor, así como de desamor, por mor de teimas propias e alleas. O azar fai que se volvan atopar en distintas circunstancias, tras pasaren os anos, cunha versión actualizada da persoa que coñeceron despois de diferentes terapias.
No 17 de novembro, Verdeveras Expresións Artísticas convida á reflexión con As formas do amor: el e ela foron parella; foron deses amores inesquecibles que marcan un antes e un despois na vida porque poñen todo patas arriba e, logo de tanto tempo de separación, tal vez sexa o día xusto para atoparse novamente pola primeira vez.
A cuarta función que se vai representar é Molto Barroco, de Píscore, no 24 de novembro. É unha reivindicación das composicións musicais barrocas dende o teatro. Pola ocasión do baile de petición de casamento á súa prometida, un rei europeo do século XVII encárgalle unha peza orixinal ao compositor da corte. Isto desencadea unha serie de escenas cómicas entre o compositor e os seus tres músicos, ademais dun triángulo amoroso no cal se ve involucrada a futura raíña.
E Testosterona, de Malasombra Producións, marca o remate no 1 de decembro. Exponse a desigualdade laboral: un home e unha muller optan a un posto de máxima responsabilidade nun medio de comunicación de ámbito nacional e formúlase a pregunta de que factores influirán na decisión.