Esperanza Mariño convida á reflexión a través dunha libélula no seu último poemario
A libélula como símbolo do mundo natural e da vida humana e os seus avatares para abordar cuestións como o paraíso perdido da infancia, o medo, o soño, a soidade, o amor e a morte. A relevancia deste insecto no novo poemario de Esperanza Mariño xa se constata no propio título: A pousa da libélula.
Durante o acto de presentación efectuado na tarde deste 13 de decembro no auditorio da biblioteca municipal Victoriano García Martí da Pobra do Caramiñal, a autora estivo arroupada pola concelleira da Cultura, Patricia Loj, e o integrante da A. C. Barbantia, Xesús Laíño.
Este libro convida á reflexión non só para tratar temas universais na literatura, senón tamén para problemáticas mundiais ao introducir testemuños dunha sociedade incapaz de remediar, por exemplo, as vagas de incendios ou as guerras.
A edil quixo destaca-la fecunda produción literaria de Esperanza Mariño, quen “a mediados de ano estaba ofrecéndonos a todo o público unha maxistral clase sobre a vida e obra da homenaxeada polo Día das Letras Galegas coa presentación de As escumas da letra. Bioblibiografía de Luísa Villalta, no marco do Maio das Letras Galegas, e para despedi-lo 2024 volvemos a tela connosco, nesta ocasión, para falarnos do seu novo poemario.”
Os poemas traducidos ao xaponés por Takekazu Asaka compleméntanse, ademais, cos gravados ukiyo-e, termo que significa “pinturas do mundo flotante”, polo que enxalza a beleza do efémero.