A Pobra eríxese neste mes de abril como capital galega do remo
A axenda deportiva da Pobra do Caramiñal estará protagonizada no mes de abril polo remo. Os bateis vogarán polas augas da localidade nas dúas próximas fins de semana nas categorías alevín/a, infantil, cadete, xuvenil, sub-23 e absoluta.
A primeira proba é de ámbito provincial co Campionato de Bateis Provincia da Coruña, que se disputará a partir das 11.00 horas dos días 13 e 14 de abril, coa clasificatoria e coa final, respectivamente. Desta última, sairán as catro primeiras tripulacións para o grande evento de ámbito autonómico que chega nos días 20 e 21 de abril, das 11.00 horas en diante: o Campionato Galego de Bateis Xunta de Galicia. A clasificatoria será no sábado, mentres que a final se realizará no domingo.
No total, tomarán parte máis dun cento de equipos e arredor de 700 remeiros e remeiras.
O concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, declarou que “o vínculo da Pobra co mar vai máis alá da dimensión económica, social e cultural, pois tamén existe un forte nexo deportivo. Os vindeiros dous campionatos corroboran a boa saúde da cal goza o remo na nosa vila. No mes de marzo démoslle a benvida á primavera coa V Bandeira de Bateis Concello da Pobra e agora seguiremos desfrutando desta disciplina coa cal o Concello reafirma o seu compromiso.” “Contamos cun excelente campo de regatas, que, unido á alta participación e a magnitude dos equipos, garante espectáculos deportivos de gran calidade”, engade o edil. Destacou tamén o dinamismo do Club Remo Puebla, que quixo felicitar polos recentes logros de gañadores da I Bandeira de Bateis Masculina Cidade de Narón, segundo clasificado do XXV Trofeo de Bateis, campións da XVII Bandeira de Bateis Masculina Santiago Sur Galicia e a V Bandeira de Bateis Masculina Concello da Pobra, que quedou na casa.
O presidente do Club Remo Puebla, Emilio Dieste, fixo fincapé na relevancia de que estas dúas citas se desenvolvan na localidade e adiantou que o calendario se incrementará neste mes de abril.
Finalmente, interveu Gustavo Vázquez, vicepresidente de Banco Fixo da Federación Galega de Remo, quen subliñou a dimensión social ao xerar un gran movemento na vila entre deportistas, familias e persoas afeccionadas ao remo.
Entregaránselles medallas aos tres primeiros equipos clasificados de cada categoría e bandeira ao primeiro.
En ámbolos casos, os campionatos están organizados pola Federación Galega de Remo e o Club Remo Puebla, coa colaboración da Concellaría dos Deportes e da Protección Civil.