A V Bandeira de Bateis Concello da Pobra disputarase no 31 de marzo
Chega a primavera e con ela a V Bandeira de Bateis Concello da Pobra, feminina e masculina, que se disputará no 31 de marzo. Trátase dunha proba organizada polo Club Remo Puebla co patrocinio da Concellaría dos Deportes, ademais da colaboración da Federación Galega de Remo e a Protección Civil.
A competición desenvolverase en augas da dársena do peirao comercial, a partir das 10.30 horas, coa participación de aproximadamente catorce clubs da zona norte da Liga Galega de Bateis, o cal se traduce na presenza dun cento de equipos e 600 remeiros e remeiras.
Durante o acto de presentación, o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, manifestou que “o noso municipio eríxese como un referente nas disciplinas deportivas vencelladas ao mar a través do remo, o cal conta cun forte arraigamento na nosa vila.” Destacou tamén a capacidade organizativa do Club Remo Puebla e aproveitou a ocasión para felicitalo por algúns dos últimos resultados obtidos, como, por exemplo, o logro da I Bandeira de Bateis Mecalsa e da I Bandeira de Bateis Muros de San Pedro, na modalidade masculina en ámbolos casos.
Por parte da entidade remeira pobrense, o seu presidente, Emilio Dieste, adiantou que o calendario do mes de abril está cheo de actividades e converterá a localidade “en capital do remo.” Así mesmo, indicou que, na competición desta fin de semana, o Club Remo Puebla terá representación en case tódalas categorías, polo cal se agardan acadar bos resultados, segundo precisaron dúas das persoas que o integran: Diego Cabezudo, do xuvenil masculino, e Lucía Millán, da sub-23 feminina.
As bandeiras ondearán das mans dos dous equipos, masculino e feminino, que acaden unha maior puntuación. Outorgaránselles tamén medallas aos tres primeiros clasificados de cada categoría.