
A Pobra reafírmase como referente en benestar animal coa ampliación do refuxio
“Para nós os animais que entran neste refuxio non son números. Cada can e cada gato levan detrás unha historia case sempre dramática e, por iso, o noso obxectivo é que cando entren nestas instalacións, poidan estar nas mellores condicións posibles”. Así referendou o alcalde, José Carlos Vidal, o seu compromiso co benestar animal. Unha meta que se acaba de ver reforzada coa ampliación do refuxio municipal de animais. O primeiro edil visitou o espazo, esta mañá, xunto á delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo.
As obras executáronse cunha subvención de 63.415,56 euros procedente do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia. Parte desta contía destinouse á instalación de seis gateiras con capacidade para dez gatos por cubículo (unha delas dirixida a animais inmunos que teñan que estar separados do resto).
Cada un destes novos espazos está dotado cunha porta de chapa de aluminio e ventás para a iluminación e a ventilación natural. Esta zona dispón, así mesmo, dun corredor pechado que comunica os módulos e que actuará como elemento de seguridade para evitar fugas. As actuacións completaranse, proximamente, coa colocación de casiñas, elementos para rabuñar, corda, escaleiras e mesmo hamacas para que os felinos estean cómodos.
Durante a visita, o primeiro edil e responsable da área de Benestar Animal incidiu no seu compromiso por seguir mellorando este “refuxio, que nos converte en referentes en toda a comarca”.
Adopcións
O refuxio de animais está xestionado a través da Protectora Moura, que se encarga do coidado dos animais e tamén da tramitación das posibles adopcións. Ao longo do 2025, saíron das instalacións municipais uns 170 cans e gatos que atoparon novas familias. Actualmente, hai dez cans e 52 gatos pendentes de atopar un novo fogar.
Desde a protectora indican que, ademais de adoptantes, precísanse persoas voluntarias que poidan sacar a pasear aos cans de forma diaria. Calquera persoa interesada pode poñerse en contacto co refuxio a través do correo electrónico info@protectoramoura.es.









