
A Pobra e Médicos do Mundo xuntan esforzos para promover a integración de mulleres en situación de vulnerabilidade
A Concellería de Promoción Económica, o Coworking e a Asociación Médicos do Mundo Galicia xuntarán esforzos para a posta en marcha do proxecto Construíndo futuros. Tal e como explicou a concelleira da área, Amparo Cerecedo, a iniciativa busca “lograr o empoderamento e a integración de mulleres que se atopen en situación de vulnerabilidade”. O novo programa presentouse, esta tarde, no Coworking coa intervención da edil e da coordinadora da asociación en Galicia, Iria Gippini Estévez.
A medida ponse en marcha tras o convenio de colaboración subscrito entre ambas as entidades e que terá unha vixencia de dous anos. Construíndo futuros estruturarase arredor de tres eixos, materializándose a primeira liña de apoio estratéxica coa celebración, no mes de xuño, da Travesía do emprendemento. A segunda pedra angular do proxecto estará baseada en mellorar a empregabilidade por conta propia das usuarias. A terceira e última liña da iniciativa estará relacionada coa vivenda e o restablecemento.
Compromisos
Tal e como se recolle no convenio asinado entre as entidades, para cumprir esas tres metas, o Concello achegará e promoverá o autoemprego a través dos recursos e servizos que ofrece o Coworking, especializado empoderamento e perspectiva de xénero. Así mesmo, a Administración local encargarase tamén da cuestión da vivenda, garantindo que as usuarias poidan acceder a unha vivenda de emerxencia social destinada a apoiar os procesos de integración.
Pola outra banda, Médicos do Mundo deseñará e implantará itinerarios sociolaborais nos que se abordarán competencias prelaborais e xestión emocional. Así mesmo, realizará dous obradoiros para a sensibilización a empresas co fin de desmontar os mitos sobre a contratación de persoas migrantes e promover a diversidade e inclusión laboral. A asociación levará a cabo, así mesmo, un seguimento social e psicolóxico durante a vixencia do programa para asegurar o restablecemento físico e emocional das mulleres participantes.
O acordo subscrito inclúe a creación dunha comisión de seguimento de Construíndo futuros con representación de ambas as partes. Este órgano empregarase para analizar o avance do programa, propoñer melloras e resolver posibles incidencias.



