
O Concello retira sedimentos do Lérez para previr desbordamentos
O Concello acaba de iniciar a retirada de sedimentos acumulados no río Lérez no río Lérez ao seu paso polo lugar que leva o mesmo nome. Trátase dunha actuación demandada pola veciñanza e coa que se busca reducir o risco de desbordamentos durante os meses de maior intensidade de chuvias. O alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira de Obras, Patricia Lojo, achegáronse onte á zona de actuación para supervisar o inicio destes labores.
A intervención consiste na eliminación de area, terra e vexetación acumulada nunha das marxes do río, elementos que, co paso do tempo, foron dificultando o fluxo natural da auga neste tramo urbano. Para levar a cabo estes traballos, o Concello tivo que solicitar a autorización de Augas de Galicia. En paralelo á actuación no Lérez, o Concello aproveitou para acometer labores de limpeza no lavadoiro situado na mesma contorna.
Segundo destaca o rexedor, a esta actuación seguiranlle outras para “garantir a boa saúde dos ríos, poñendo especial énfase en tarefas preventivas como esta”.



