
A Pobra celebra as Letras Galegas cun mes cheo de actividade cultural
O Concello da Pobra do Caramiñal volve apostar, un ano máis, por unha ampla e diversa programación cultural para o mes de maio, coincidindo coa conmemoración das Letras Galegas. Música, danza, literatura, exposicións completan un amplo abano de actividades pensadas para todos os públicos.
A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, destacou o papel fundamental do tecido asociativo para facer posible esta programación, “maio vén cargado de actividade cultural grazas ás asociacións que colaboran sempre con nós. Queremos agradecerlle a súa implicación por enriquecer deste xeito o noso concello”. Do mesmo xeito, convidou á veciñanza a participar activamente: “Animamos a todos os veciños e veciñas a que veñan e desfruten das propostas. As Letras Galegas son unha data moi importante e contamos cun abano moi amplo de actividades para celebralas”.
A programación ao completo
O programa dará comezo o sábado 2 de maio cun pasarrúas polas prazas e remate nos xardíns de Valle-Inclán da man da asociación Arrancadeira, que ofrecerá o seu espectáculo ‘Bailando ás flores (Festa dos Maios).
Ao día seguinte, o domingo 3 de maio, terá lugar un festival polo Día da Nai coa Escola de Baile Caramiñas da asociación de Amas de Casa da Pobra. Será ás 20.00 horas no Teatro Elma.
O 8 de maio terá lugar a inauguración da exposición de pinturas ‘A espátula e pincel’, de Paco Casal. Será ás 20.00 horas na casa da cultura Raquel Fernández Soler.
O 9 de maio a música será a protagonista co ‘Consertasso na horta’, de Brais das Hortas. Terá lugar no Teatro Elma ás 18.30 horas.
O propio día das Letras Galegas, 17 de maio, haberá un roteiro guiado polas rúas que lembran aos escritores/as galegas acompañado da música do grupo Eiradela. Dará comezo ás 11.30 horas.
O día 21 de maio, ás 20.00 horas, farase un percorrido polos traallos internos do Museo Valle-Inclán por Sara Barbazán.
En homenaxe a Begoña Caamaño, o día 22 de maio, ás 18.30 horas, no Cantón da Leña, terá lugar o obradoiro ‘Polo Correo do Vento: As Letras para Begoña’. Unha combinación de narración oral, música en directo, ilustración e obradoiro de debuxo. Esta actividade forma parte da Rede de Dinamización Lingüística.
Daniel Landesa presentará, o día 27 de maio, ás 12.00 horas, no auditorio da biblioteca Victoriano García Martí, o libro gañador do VIII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, ‘Nenapingüín’. O alumnado de primaria recibirá un exemplar como agasallo. Seguindo coas presentacións, o 29 de maio, ás 20.00 horas, Juan Galán presentará ‘Rotspanier. Un miliciano galego no exilio francés (1939-1945)’.
Por úlimo, a programación despedirase co espectáculo ‘Reunión Familiar’, de Bradomín Teatro. Será ás 19.30 horas no Teatro Elma.



