
“A espátula e pincel”, a nova exposición de Paco Casal chega á Pobra do Caramiñal
A Casa da Cultura Raquel Fernández Soler acollerá desde este venres a exposición A espátula e pincel, unha mostra do artista Paco Casal que poderá visitarse ao longo do mes de maio. A inauguración terá lugar o día 8, este venres, ás 20.00 horas.
O acto de apertura contará coa participación da escritora Uxía Casal, encargada da presentación da exposición, e coa actuación musical do grupo As de sempre, da Asociación Arrancadeira. Na inauguración estará presente tamén a concelleira de Cultura, Patricia Lojo.
A mostra reúne unha selección de obras nas que Paco Casal desenvolve unha mirada persoal sobre a paisaxe, cun estilo de carácter expresionista e unha especial atención á atmosfera e á carga emocional das escenas. O autor emprega tanto a espátula como o pincel como ferramentas centrais do seu traballo, dando lugar a composicións nas que a cor e a textura adquiren un papel destacado.
O traballo do autor poderá visitarse durante todo o mes na Casa da Cultura, consolidando este espazo como un punto de referencia para a programación expositiva no municipio.



