Últimas Novas

Comunicado do Concello da Pobra do Caramiñal con relación ás explicacións recibidas pola aplicación do nivel de restrición máxima

Comunicado do Concello da Pobra do Caramiñal con relación ás explicacións recibidas pola aplicación do nivel de restrición máxima

2 Xuño, 2021

O Concello da Pobra do Caramiñal recibiu na xornada deste 2 de xuño explicacións por parte do Comité Clínico sobre a decisión tomada de manternos no nivel de restrición máxima, e foi mediante unha conversa mantida entre o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde, Xosé Lois Piñeiro. Damos traslado da maneira máis precisa posible.

En primeiro lugar o conselleiro indicou que non se está a tratar o noso concello de maneira diferente a ningún outro. A decisión tomada correspóndese coa maneira de actuar que o Comité Clínico vén aplicando a todos os municipios galegos, coa dificultade que supón facelo coa diversidade de situacións sanitarias que se presentan. Os argumentos foron os seguintes:

O día 25 o noso concello estaba con 471 de incidencia acumulada a 14 días e 311 de incidencia acumulada a 7 días. A primeira non superaba o límite de 500 esixido para o nivel de restrición máxima, pero a segunda si superaba os 250 que conducen ao máis restritivo dos niveis. Ese día reuniuse o Comité Clínico, que decidiu, como xa sabemos, que A Pobra pasaba ao nivel de restrición máxima. Sempre o fan cando un dos dous indicadores supera o límite. A medida entrou en vigor ás 0:00 horas do sábado 29.

Aínda que despois do día 25 sempre estivemos por debaixo de 500 e 250 a 14 e 7 días, na reunión do subcomité do venres 28 decidiron manternos nese nivel porque as incidencias eran elevadas aínda (450 e 193), e aínda non estiveramos nin un só día coa aplicación do nivel máximo de restrición. Na reunión do pasado martes 1 de xuño, a pesar de que os datos evidenciaban unha tendencia á melloría (incidencia de 418 a 14 días e de 107 a 7 días), a valoración foi a seguinte: tan só levabamos 4 días no nivel de restrición máxima. Por experiencias anteriores, nas que baixaron concellos de nivel con lixeiras mellorías e sen que se producira certa estabilidade en cifras máis baixas e volveron subir ao pouco tempo, a decisión foi manternos no nivel ata que se cumpran cando menos 7 ou 10 días en restrición máxima, en función de cal sexa a evolución.

Hai que ter en conta que agora as medidas tardan un día máis en aplicarse, por dous motivos, a necesidade de que as aprobe o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e como resposta ás demandas da hostalería, que, se o prazo é escaso, pode perder os produtos perecedoiros. Polo tanto o prazo alóngase un día máis.

De maneira resumida: para baixar de nivel de restrición non chega con que as incidencias baixen; o concello ten que estar como mínimo 7 días aplicando as medidas de restrición máxima.

O conselleiro tamén informou de que leu a declaración institucional asinada polos catro partidos políticos que forman a corporación municipal, durante a realización do Comité Clínico, e foi obxecto de debate, tiveron en conta os argumentos alí expostos, aínda que non foron suficientes para mudar a súa decisión.

Tamén indicou que o Comité Clínico tiña decidido deixar de realizar as reunións do subcomité os venres, debido a que a necesidade de aprobación por parte do TSXG das medidas por aplicar fai que o procedemento se volva pouco operativo, pero que non obstante van facer unha excepción co noso concello e si se reunirá este venres. Se a evolución segue sendo favorable baixaremos de nivel, que probablemente comezará a aplicarse a partir do luns 7 de xuño.

Queremos agradecer a deferencia de devolver a chamada da alcaldía, pois hoxe reuniuse o Consello da Xunta e o conselleiro comunicouse co alcalde pasadas as tres da tarde. E por suposto a cordialidade e amabilidade coa que se produciu a conversa. E finalmente queremos agradecer a intervención que tivo na reunión do comité Eloína Núñez, a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, quen, en palabras do propio conselleiro, defendeu a necesidade de que se trate o noso caso nunha reunión do subcomité este próximo venres.