
Nenapingüín chega á Pobra da man de Daniel Landesa
A biblioteca municipal Victoriano García Martí acollerá o vindeiro mércores 27 de maio, ás 12.00 horas, a presentación de Nenapingüín, a obra gañadora do VIII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro 2025.
No acto participarán o autor, Daniel Landesa; a concelleira de Cultura, Patricia Lojo; Encarna Pego, integrante do xurado e vicepresidenta da Asociación Barbantia; e Marcos Calveiro, director de edicións de Editorial Galaxia.
O Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro está dotado con 3.000 euros e inclúe a publicación da obra por parte de Editorial Galaxia.
Á presentación asistirá tamén o alumnado de 6º de primaria do CEIP Salustiano Rey Eiras e, ademais, repartirase un exemplar do libro a todo o alumnado de primaria dos centros educativos da Pobra do Caramiñal.
Nenapingüín conta a historia dunha cativa á que a súa vida cambia para sempre tras subir a unha árbore e comezar a chamarse dese singular xeito. Un relato cheo de imaxinación e aventuras pensado para o público infantil.
Daniel Landesa (Vigo, 1976) desenvolveu a súa traxectoria nos ámbitos da literatura, a edición e a publicidade, sendo tamén un dos fundadores do colectivo Poetas da Hostia.
As ilustracións da obra son de Miki Momochi, artista e creadora de videoxogos que combina actualmente o traballo no ámbito da ilustración co desenvolvemento de proxectos independentes.




