
A Pobra prepárase para un verán de intensa actividade deportiva, con 34 propostas entre xuño e setembro
O deporte volverá ser un dos grandes protagonistas do verán na Pobra. Así o confirmou, esta mañá, o concelleiro de Deportes, Eloy Sobrido, na presentación da programación. O calendario conta con 34 propostas distintas entre as que se inclúen do Concello, as dos clubs e entidades deportivas do municipio, competicións e xornadas especiais como a Festa da Bici ou o Día do Deporte na Rúa. O obxectivo, tal e como explicou o edil, “é brindar unha oferta de lecer ampla e con propostas pertencentes ás distintas disciplinas deportivas e para veciños e veciñas de todas as idades”. Sobrido incidiu en que, aparte das actividades municipais, o calendario verase “enriquecido grazas ás entidades deportivas”.
No referente ás actividades, haberá propostas organizadas pola Concellería e outras polos propios clubs da Pobra. No apartado municipal impartiranse as seguintes iniciativas: fútbol praia, fútbol sala mixto de iniciación, pilates, camiñadas e estiramentos, ximnasia de mantemento, camiñadas para maiores, ximnasia para maiores, full body (iniciación) e baile-salsa e ritmo latino. A isto hai que sumar, así mesmo, as que celebrarán os clubs:
- Tenis, organizado por Tenis Punta Salera
- Patinaxe artística do Club Patinaxe A Pobra
- Baloncesto do Club Asambal
- Campus de Atletismo, A.A.D. Barbanza
- XIX Campus de Fútbol Base do Puebla F. C.
- Remo por parte do Club Remo Puebla
- Vólei praia
- Xadrez con C.D. Marquiño
- Artes marciais coa Asociación Deportiva Kempo Pobra
- Tiro con arco (curso de iniciación) do Club de Arqueiros do Barbanza
Competicións
A Pobra converterase no verán no escenario onde se celebrarán máis dunha ducia de competicións e citas deportivas de importancia. De feito, a primeira terá lugar este sábado, 14 de xuño, cun Torneo de Tenis de Mesa. En xuño levarase a cabo tamén o I Torneo de Fútbol Feminino Categoría Cadete (21 de xuño) e a II Bandeira de Veteranas do Concello da Pobra (28 de xuño).
Xullo comezará coa IV Carreira solidaria Móvete pola Diabetes (5 de xullo). O sábado, 12 de xullo, a dársena do peirao comercial acollerá a XIX Bandeira de Traíñas Concello da Pobra do Caramiñal e tamén, entre xullo e agosto, terá lugar o Tenis Circuíto do Barbanza. Outra das propostas do mes será a XXXIII Festa da Bici (13 de xullo).
Agosto será o mes das Traíñas Liga ACT (9 de agosto), o LI Trofeo C. F. De Fútbol, organizado polo Puebla C. F, o Torneo de Vólei Praia, o X Torneo de Xadrez na Rúa, o Día do Deporte na Rúa (29 de agosto) e a XVI Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal (31 de agosto). As dúas últimas citas do verán serán o Campionato Galego de Remo de Mar (14 de setembro) e a LXIV Milla Urbana Nocturna (19 de setembro).
As persoas interesadas en anotarse nas actividades deberán facer unha preinscrición a través do formulario. Este formulario deberá entregarse no rexistro ou na sede electrónica a partir deste xoves, 12 de xuño.
As persoas que precisen máis información poderán contactar coa área de Deportes a través do correo electrónico deportes@apobra.gal ou no teléfono 981 831 545 (extensión 1).
Programa Deporte na Pobra Verán 2025
Formulario de preinscrición programa Deporte na Pobra Verán 2025
Formulario de preinscrición actividades persoas adultas programa Deporte na Pobra Verán 2025



