
Brais das Hortas estrea no Teatro Cine Elma o seu novo espectáculo, Comisión de Festas
O Teatro Cine Elma acollerá o vindeiro 9 de maio, ás 18.30 horas, o estreo de Comisión de Festas, o novo espectáculo de Brais das Hortas. A actividade será de entrada libre e está dirixida a todos os públicos.
A nova proposta do músico, clown e narrador combina música infantil, humor e teatro nun espectáculo participativo no que o público terá un papel protagonista. Ao longo da función, o escenario converterase nun auténtico torreiro de festas, coa colaboración das persoas asistentes, que pasarán a formar parte da propia “comisión”.
Con cancións, baile, xogos e interacción continua, Comisión de Festas constrúe unha experiencia dinámica e familiar arredor do ambiente das festas populares galegas, cunha posta en escena chea de retranca e humor.
O espectáculo inclúe tamén personaxes e situacións cómicas que forman parte do universo creativo de Brais das Hortas, nunha montaxe que busca transmitir alegría, participación e celebración colectiva a través da música e do teatro.
Brais das Hortas, nome artístico de Brais Gutiérrez, conta cunha ampla traxectoria sobre os escenarios e leva máis de 25 anos desenvolvendo propostas vencelladas á música, á narración oral e ao clown.




