
A Pobra quenta motores coa XII Concentración Sinfrenos
A Pobra do Caramiñal acollerá os días 16 e 17 de maio a XII Concentración Moteira Sinfrenos, organizada polo Motoclub Sinfrenos coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal e doutras entidades.
A presentación da programación tivo lugar esta mañá coa presenza da concelleira de Cultura, Patricia Lojo; da presidenta do Motoclub Sinfrenos, Sonia Villar Maceiras; e da secretaria da entidade, Susana Riveiro.
A concentración contará cun programa de actividades que incluirá rutas moteiras, exhibicións, música e distintos momentos de encontro ao longo de toda a fin de semana.
O sábado 16 abriranse as inscricións ás 12.00 horas, coincidindo co aperitivo de benvida. A xornada incluirá tamén a actuación do monologuista Manolo Maneiro, unha ruta moteira con parada incluída e unha exhibición de stunt a cargo de Stunt Team, Jaque Stunt e Nh-Pina.
Xa pola noite celebrarase a cea de confraternidade e unha sesión musical con Tito Maverick e Mateo Abelleira. Ademais, durante toda a xornada poderá visitarse unha exposición de motos clásicas.
O domingo 17 haberá almorzo para as persoas participantes e unha ruta moto-turística libre antes do xantar e da entrega de premios e trofeos prevista para o remate da programación.
Dende o Concello da Pobra do Caramiñal destacan a consolidación desta cita dentro da programación anual da vila, así como o ambiente de convivencia que reúne cada ano persoas chegadas de distintos puntos de Galicia.






